26 jun. 2011

Tres novas xoias para o patrimonio marítimo da Illa

Tres novas xoias para o patrimonio marítimo da Illa
Por apenas un ano, o Komaira é o máis antigo do trío ­-falaremos deles por orde de antigüidade para que ninguén se nos incomode-. O Komaira non naceu como Komaira. O seu primeiro nome, cando alá polo ano 1943 bicou por primeira vez a ría desde un estaleiro da Pobra, foi Marcelino. Este galeón a vela foi construído como barco de carga: ás veces levaba area e outros materiais, outras, cargaba o marisco que compraba no mar para vendelo despois nos portos. Desenvolvendo estas tarefas pasou por varias mans, ata que foi mercado pola fábrica Komaira, da Illa, da que colleu o nome que hoxe conserva e onde o seguiron empregando para ir buscar a mercancía ao mar.
 

A Illa sabe moi ben o moito que lle debe ao mar. Sen dúbida iso ten moito que ver no interese desta localidade pola conservación e pola recuperación do patrimonio marítimo. Dorna, Fasquía, Calmoseira ou Komaira son algunhas das asociacións que xurdiron con este cometido. Son xa moitas as embarcacións tradicionais que volveron navegar grazas ao traballo das xentes que integran estes colectivos, e a todas elas sumaranse nos próximos días outras tres, nas que se traballa arreo para que poidan participar a vindeira fin de semana nos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Carril. A Escola de Navegación Tradicional de Dorna, A Calmoseira e a Asociación cultural Komaira son as responsables da volta á vida destes tres galeóns que están a puntiño de volver desafiar as mareas.
Nas bateas
O Komaira rematou a súa vida laboral, como é habitual nos seus conxéneres, como barco de batea, tarefa que desempeñou primeiro na Pobra e despois na Arousa.
Un grupo de mozos da Illa decidiu hai tres anos salvalo do despezamento e desde entón traballan na súa recuperación. Con horas de traballo e con imaxinación para recadar os cartos precisos, o barco espera navegar por primeira vez con autonomía propia para achegarse ata os Encontros de Carril. Haberá que esperar para o ano para montar o pau, a cabotaxe e as velas. «A ver se dá o presuposto», di Nelo, un dos impulsores da recuperación do Komaira.
Cando o Komaira xa levaba un ano percorrendo os portos da ría, as expertas mans dos carpinteiros de ribeira de Outes acababan de moldear a forma do Adelino Manuel. Era o ano 1944 cando este buque, feito para transportar madeira, saía ao mar por primeira vez nesa ría de Muros na que se lle chamou Presioso.
A recuperación
No ano 74 este buque foi para O Grove, e finalmente acabou nas bateas da Illa, ata que a asociación Calmoseira se fixo con el e iniciou a súa recuperación. Cos anos, a embarcación fora sufrindo cambios, o máis grande a substitución da popa redonda por outra de espello, así que o traballo da asociación foi recuperar a súa faciana orixinal. É un traballo laborioso e custoso, sobre todo se se ten en conta que a financiación dos labores de recuperación é exclusivamente privada, a conta dos asociados. Hai que ir pouco a pouco, polo tanto, e por iso o Adelino Manuel aínda non ten velas. Pero, como di Felipe Vázquez desde A Calmoseira, este ano esperan ter motor e velas.
Un naufraxio
Coma todos os seus compañeiros, o Adelino Manuel garda nas súas adegas un pequeno anaco da historia das rías galegas. Un dos episodios desa historia fala dun naufraxio cando o barco viaxaba cargado de troncos. Morreron dúas persoas.
Quédanos por falar do Rei do Mar, que está recuperando a Escola de Navegación Tradicional da asociación cultural Dorna. Este construíuse arredor do 1960 nos estaleiros Silva de Cabo de Cruz, e malia o que puidera parecer, non lle debe o seu nome a Humphrey Bogart e a súa Raíña de África, senón aos apelidos dos seus primeiros donos, Rey. Moitos dos veciños desta comarca terán viaxado algunha vez no Rei do Mar, posto que traballou boa parte da súa existencia como motora de pasaxe entre Vilanova e A Pobra do Caramiñal, aínda que algunha vez, cando era preciso, ten feito tamén o traxecto entre Vilanova e unha Illa que entón aínda non tiña ponte.
Hai algo máis dunha década foi mercado para as mexilloeiras, e a ese traballo se dedicou ata que Dorna se fixo cargo del para sometelo a unha importante remodelación. A asociación arousá leva invertido neste proxecto case 40.000 euros que saíron do peto dos seus socios, que, segundo explica Uxío Allo, aportan dez euros cada mes para facer fronte a unhas tarefas que se levan a cabo sen axudas públicas. A intención é que o Rei do Mar estea nos Encontros de Carril, aínda que lle faltan algúns pequenos retoques. Pero «vai navegar este ano a vela e a motor», asegura Uxío Allo, un dos responsables da escola.

No hay comentarios:

Publicar un comentario