Potenciar a construción naval en madeira é un dos grandes obxectivos da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), que cada ano organiza unha xornadas ao redor deste asunto. Agora, ademais das charlas, a entidade está a preparar a realización dunha exposición de artesanía naval, unha iniciativa que aínda está a dar os seus primeiros pasos pero que ten visos de chegar a bo porto.
O presidente de Agalcari, o boirense Gerardo Triñanes, explicou que están a manter contactos coa Administración autonómica e, concretamente, hai uns días tivo lugar unha reunión coa directora xeral de Comercio, Nava Castro, na que esta se comprometeu a colaborar coa iniciativa. é máis, xa se realizaron algunhas visitas a diversos portos da ría de Arousa en busca do escenario máis idóneo para a mostra de artesanía naval.
O obxectivo da exposición é dar a coñecer as enormes vantaxes da construción naval en madeira con respecto ao poliéster e mostrar que «iso non significa volver ao pasado, senón construír en madeira utilizando as novas tecnoloxías». A intención de Agalcari é que esta iniciativa coincida cunha nova edición das xornadas sobre carpintería de Ribeira que se organizan cada ano e que incidirán nos problemas ambientais do uso do poliéster en embarcacións.
Barcos tradicionais
En canto á exposición, a idea é que sirva de marco para exhibir barcos tradicionais como un racú construído en Estaleiros Triñanes. Trátase dunha actualización da nave que se utilizaba na pesca para adaptala á náutica recreativa. A embarcación está case lista e só falta que lle coloquen o mastro e as velas para poder navegar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario