17 de dec. de 2012

El Progreso - A carpintería cobre outras necesidades

Ché Ramón, sentado xunto a un motor mentres o seu pai sorrí, no peirao antigo de Viveiro. AMA
Ché Ramón, sentado xunto a un motor
 mentres o seu pai sorrí, no peirao antigo de Viveiro. AMA


A evolución da construción naval sitúa aos carpinteiros de ribeira a un paso da extinción. O celeirense Ché Ramón exerceu o oficio co seu pai, pero despois pasouse ao mobiliario doméstico porque lle gustaba máis.

OS TALLERES de carpintería de ribeira están en vías de extinción. O celeirense José Ramón Gómez Traveso, Ché Ramón, agora xubilado, é o testemuño vivo dunha profesión que vive os seus últimos compases. Con só 13 anos de idade iniciouse no oficio no taller que tiña o seu pai en Lavandeiras, que consistía nunha pequena nave, propiedade do Instituto Social da Mariña, onde gardaba as ferramentas necesarias para o traballo.

Ché Ramón, fillo de Alfredo Gómez, coñecido por O Xilgueiro, aprendeu o oficio ata os 15 anos, idade a partir da que xa facía traballos en solitario. Ao principio adoitaba traballar co pai e co irmán, pero o traballo empezou a escasear no municipio vivariense e provocou a marcha do proxenitor a Ferrol, onde emigrou tamén o seu irmán. Ambos traballaban no varadero da Graña, mentres o mozo permanecía en Celeiro.

As ranuras tapábanse con estopa e petróleo
Os carpinteiros de ribeira tiñan que calafatear os barcos para evitar que entrase auga polas ranuras que quedaban entre as táboas. Estas enchíanse de estopa (cáñamo), que se introducía cuns ferros, sobre os que se actuaba cuns martelos tipo mazo que tiñan uns cortes para reducir a molestia do ruído que facían, e fixábase con alcatrán (petróleo).

MEMORIA
As ferramentas dos carpinteiros de ribeira case desapareceron
A madeira encargábase con tempo, cortábase e deixábase secar algo antes de colocala nun barco

Nada ou moi pouco queda xa do traballo manual que facían os carpinteiros de ribeira, un oficio en vías de extinción igual que case desapareceron as ferramentas con que realizaban o seu traballo. O fillo de Ché Ramón ten no seu taller de Celeiro un expositor en que se exhiben as antigas serras, azuelas, cepillos de varios tipos -copeo, curvos...-, os ferros de machimbrar. a garlopa e o garlopín.

A madeira que se empregaba para a construción dos barcos había que encargala con tempo, cortala e deixala secar algo, aínda que ao ter como destino a auga do mar podía porse medio verde. Para as cuadernas utilizábase carballo e para bancear -cubrir o resto da superficie- colocábase táboa de piñeiro. «A madeira dura máis non mar pola sal e se logo a quitas e non lle fas un mantemento continuado, podrece».

Ningún comentario:

Publicar un comentario