12 de out. de 2010

Agalcari divulgará a carpintería de ribeira a través da súa participación en feiras profesionais do sector naval



A celebración da terceira edición das Xornadas de Construción Naval en Madeira organizadas pola Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) que tivo lugar onte na Illa de Arousa serviu de marco para que se desen a coñecer os plans máis inmediatos desta entidade boirense. Entre conferencia e conferencia, saíron a relucir as achegas que fará a Xunta de Galicia para que Agalcari poida desenvolver as súas actuacións, entre elas, a promoción da construción naval en madeira a través da súa participación en feiras profesionais do sector.
Unha subvención de case 37.000 euros destinarase a estas actividades de divulgación da carpintería de ribeira en citas do ámbito naval como Navalia ou o Salón Náutico de Barcelona. Así mesmo, a organización das xornadas celebradas onte baixo o epígrafe Un mar de madeira tamén contou co respaldo da Xunta. De feito, a directora xeral de Comercio, Nava Castro, que participou na apertura das conferencias, destacou que, a de Agalcari, é «unha excelente iniciativa de promoción dá nosa cultura mariñeira e do noso patrimonio marítimo, ademais dun eficaz instrumento de dinamización social».
Marca
En canto a outro dos proxectos que prevé emprender Agalcari, e que conta tamén co apoio da Administración autonómica, que achegará 22.500 euros en virtude dun convenio subscrito recentemente, é a creación dunha marca que garanta a calidade das embarcacións de madeira construídas en Galicia.
Desde a súa fundación, a entidade presidida por Gerardo Triñanes traballa na posta en marcha deste selo de calidade. O primeiro paso previo foi elaborar unhas directrices sobre a construción naval en madeira, un proceso que está previsto que culmine a finais deste ano co rexistro da marca.
Fontes da asociación explicaron que, a partir de aí, a marca poderá empezar a utilizarse unha vez que se implanten os mecanismos de control tanto do cumprimento da normativa que rexerá a construción naval en madeira como da calidade das embarcacións que fagan baixo este selo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario